Infinitamente natural

  • Imprimir

logoMAPortodoSon

 

NOTA DE PRENSA


O Concello de Porto do Son presenta a nova imaxe da área municipal de Medio Ambiente baixo o lema “Infinitamente natural”

  • O novo símbolo, que representa o compromiso do municipio coa economía circular e a sostibilidade, farase visible tanto nos equipamentos e nas redes sociais do Concello coma nos materiais empregados nas diversas accións dirixidas á cidadanía.
  • O programa de actividades para os próximos meses inclúe andainas sostibles, campañas de concienciación cidadá contra o cambio climático e xornadas de reparto de material para que veciñanza e turistas contribúan a manter limpas as praias.


Porto do Son, 11 de xuño de 2021. O Concello de Porto do Son presentou este mediodía a nova imaxe da área municipal de Medio Ambiente, que inclúe un símbolo co que representa a súa aposta pola economía circular e a sostibilidade para a loita contra o cambio climático xunto ao lema “Infinitamente natural”. Durante a comparecencia, o alcalde, Luis Oujo, compartiu tamén o programa de actividades a prol da concienciación cidadá en materia de conservación e protección da paisaxe no que está a traballar a Corporación municipal.

Na presentación, que contou ademais coa participación do director do Instituto de Estudos do Territorio, Francisco Barea, o responsable da empresa executora do proxecto, Pedro Tasende, foi o encargado de trasladar aos medios o significado da nova imaxe de Medio Ambiente. “Os grandes tesouros de Porto do Son quedan presentes neste símbolo, no que o Castro de Baroña rodea o nome do municipio, protexendo un corazón infinitamente natural, no que mar e natureza forman un bucle en movemento circular”, subliñou Tasende.

Optar por “Infinitamente natural” acompañando a este novo símbolo non é casualidade. Porto do Son é infinito polos miradoiros que nos achegan ao horizonte e por iconas coma o Castro de Baroña, que transcende no paso do tempo; é infinito, explicou o experto en comunicación ambiental, “como infinito é o compromiso do Concello coa sostibilidade a través, por exemplo, da economía circular”.

Actividades en contacto coa natureza e contra o cambio climático

“Esta imaxe que presentamos hoxe será visible en todas as actividades que desenvolveremos durante os próximos meses para facer fincapé na necesidade de coidar e protexer o medio ambiente na nosa vida diaria”, explicou o alcalde. Neste sentido, Oujo presentou un programa para os próximos meses con actividades como “andainas comprometidas co medio ambiente”, nas que os participantes poderán recoller residuos ao tempo que fan exercicio; xornadas de reparto de material para contribuír a manter limpas as praias; actividades coa mocidade nos centros de ensino; campañas de concienciación cidadá en materia de sostibilidade e loita contra o cambio climático; e mesmo difusión de boas prácticas como as que levan ao Concello a ostentar o distintivo Bandeira Verde de Galicia de xeito pioneiro na comunidade.

“Estamos convencidos de que o futuro pasa por ser responsable e respectuoso co medio ambiente e co planeta. De aí estas actividades que agora avanzamos e sobre as que estamos traballando para dar un paso máis no impulso da sostibilidade contra o cambio climático”, concluíu o alcalde.

Adjuntos:
ArchivoDescripciónData de Publicación
Descargar este adjunto (20210611 NP Porto do Son - Presentacion imaxe Medio Ambiente.pdf)Nova imaxe Infinitamente natural