Nova estratexia turística

  • Imprimir

O Concello de Porto do Son potenciará o turismo sostible coa creación de novas experiencias para explorar o municipio

  • Executarase un plan de traballo exhaustivo para analizar os recursos vinculados ao patrimonio natural, gastronómico ou cultural e propoñer novas rutas experienciais que se plasmarán nun mapa-folleto en dous idiomas.
  • Unha liña estratéxica deste proxecto baséase na colaboración cos empresarios locais vinculados ao sector turismo xa que eles son os primeiros anfitrións para visitantes e turistas durante a súa estadía.
  • Desde esta semana, e ata o 4 de abril, poden participar enviando a súa opinión a través dun cuestionario online.

 

O Concello de Porto do Son inicia unha nova senda na súa estratexia de promoción turística para ofrecerlle ao visitante novas experiencias a través das que coñecer a súa riqueza natural, patrimonial, deportiva ou gastronómica e vivir ao cento por cento os case 95 km2 dun espazo único considerado un dos territorios humanizados máis antigos de Galicia. O resultado será a creación de varias rutas turísticas a través das que potenciará un turismo sostible e de calidade, tendo en conta a situación sanitaria actual e a nova normalidade marcada polo covid-19. Este novo proxecto, impulsado pola Concellería de Turismo, supón tamén unha nova folla de ruta para enfocar o turismo presente e futuro de Porto do Son.

Ata finais de maio executarase un plan de traballo exhaustivo para analizar todos os recursos vinculados ao patrimonio natural, gastronómico, cultural ou deportivo, tanxible e intanxible, de Porto do Son que presenten maiores potencialidades para complementar o deseño destas experiencias diferenciadoras. Farase especial fincapé naqueles que conten con figuras de protección, así como na oferta turística existente no territorio: hostalaría e restauración, turismo activo e de natureza ou experiencias singulares, entre outras.

De feito, unha liña estratéxica deste proxecto turístico baséase na colaboración directa cos empresarios locais vinculados ao sector turismo para ofrecerlles, primeiro, a posibilidade de participar e promover os seus negocios, pero tamén para convertelos nos primeiros embaixadores do municipio xa que, en moitas ocasións, eles e elas son os primeiros anfitrións para visitantes e turistas. A incorporación de empresas turísticas e actividades complementarias é tamén un valor engadido que incrementa este novo proxecto do Concello de Porto do Son. Debido á actual sanitaria actual, o contacto con eles estase facendo vía correo electrónico e, deste xeito, xa se lles enviou un cuestionario (https://forms.gle/14eiDtEgQyQEQYfa6) para coñecer a súa opinión sobre cuestións estratéxicas.

As novas rutas experiencias de Porto do Son plasmaranse nun mapa-folleto en galego e en castelán, formato papel e pdf, para reparto nas oficinas de turismo local e outros puntos de interese. Esta mesma información, ampliada, tamén nutrirá a páxina web institucional para convertela nun terceiro punto información turística 2.0 que consultar en calquera momento os 7 días da semana a través de calquera dispositivo móbil.

Porto do Son é un dos concellos da área do Barbanza con maior potencial turístico. De feito, a oficina de información do Castro de Baroña –unha das dúas do municipio- é unha das máis visitadas da provincia da Coruña e, por extensión este antigo asentamento celta que é un reclamo turístico todo o ano. Son moitos os que, durante todo o ano, acoden desde a área de Santiago para ver aquí a posta de sol ou os que, subindo desde o sur, acaban a súa particular ruta polo mar neste privilexiado outeiro fronte ao mar. Hai que recordar que, ademais, está catalogado como BIC (Ben de Interese Cultural) e Patrimonio Artístico Nacional.

Máis turismo nacional

Segundo datos municipais, nun verán tan atípico coma o de 2020, a oficina de turismo do Castro de Baroña contabilizou cifras similares ás de 2019 a pesar da baixada de visitantes estranxeiros e de que a oficina non estivo aberta na primeira quincena de xullo. Do total de 2020, o 64,2% foron persoas doutras comunidades, o 32,3% galegos e o restante 3,4%, estranxeiros. Fóra das estatísticas oficiais, os visitantes e turistas que non se achegan a preguntar ao edificio municipal poderían multiplicar por dous esta cifra.

En xeral, na tempada alta de verán, os dous núcleos principais de Porto do Son e Portosín multiplican por tres a súa poboación obrigando ao goberno municipal a responder con eficiencia e eficacia para manter a prestación dos servizos básicos. Así, duplícase tanto a inversión como a contratación de persoal (varredores, operarios de saneamento, socorristas, etc.).

A particular fisionomía de Porto do Son cos seus case 30 km de franxa costeira fronte á ría de Muros e Noia ofrece infinitas posibilidades para gozar de natureza, de patrimonio histórico, de gastronomía mariñeira, de deportes de aventuras, de sendeirismo ou da observación de aves. Miradoiros, praias, roteiros, mar e montaña e sobre todo, a súa xente, suman os atractivos que fan Porto do Son “un lugar para visitar e para admirar” como reza o eslogan municipal.

novaexp 720